Dando a coñecer o noso mar

Roteiro do Fornelo

Obxectivo: Coñecer o entorno paisaxístico dun contorno pouco explotado e descoñecido incluso para grande parte da poboación local.

Contidos:

  • Praia do Fornelo
  • Antigo peirao
  • Furnas
  • Antiga fábrica de salazón
  • Marcas de enfilación
  • Antigas historias de marinos e naufraxios
  • Marismas de San Pedro

Descrición do roteiro:
O roteiro comeza no Sinal, ao pé dun panel interpretativo onde a persoa encargada de guiar aos participantes dará unha visión xeral do percorrido, obxectivos e contidos da visita.
Ao chegar á praia do Fornelo, visitaránse as Furna do Cabalo, a furna do Home, e outros accidentes naturais de interese natural. Alí tamén poderemos ver o xardín onde, segundo a lenda, está enterrado o Capitán Ballesteros, que chegou á zona tras o naufraxio do barco inglés Gran Liverpool na praia de Gures, e que se suicidou por mal de amores cunha pindexa.
No contorno desta pequena praia de peto atópase un grande pinar así como os restos dun peirao xa en desuso. Ademais, poderemos visitar a antiga fábrica de salazón e conserva e coñecer os procesos tradicionais que alí se levaban a cabo.
A continuación seguirase o percorrido dando a volta polos Lombos cara ao Rabecho, onde atopamos unha marca de enfilación, que sirve de referencia xeográfica aos mariñeiros para situarse no mar. Neste punto, farase referencia á utilidade destes elementos á hora de orientarse no regreso a porto e, sobre todo, á hora de evitar as zonas con baixos perigosos.
O roteiro finaliza no Rabecho, ao pé da praia de San Pedro, onde se poden ver as marismas e o novo paseo marítimo.
Trátase dunha zona que actualmente ten un acceso dificultoso e se atopa abandonada desde que cesou a actividade das antigas fábricas de salazón. Para a realización deste roteiro, é preciso levar a cabo o acondicionamento dos accesos ao Fornelo mediante labores de roza. Solicitarase a colaboración do Concello de Carnota para o acondicionamento e mantemento dos camiños.

Nivel de dificultade: Alto. Como alternativa para os grupos de escolares e persoas maiores habilitarase un percorrido alternativo de menor dificultade desde a praia do Fornelo ata o centro do lugar.

Tempo estimado: 90 minutos.

Limitacións e especificacións: A visita realizarase preferiblemente con marea baixa, a fin de poder realizar a visita ás furnas. O roteiro non está adaptado a persoas con mobilidade reducida.

Número máximo de persoas por grupo: 25

Xunta de Galicia - Conselleria do Mar

Confraría de Pescadores de O Pindo
O Pindo (Carnota) · A Coruña
© 2010 Pindo Mariño · info@pindomarino.org